Logo de La Coctelera

ORTIGUEIRA SOSTIBLE

29 Junio 2008

NOVOS ESPACIOS VERDES: AS HORTAS URBANAS

O parque de Belvís en Compostela foi antes, en gran parte, zona de hortas particulares ou conventuais, vestixio das que quedan os muros de pedra que as dividían e que hoxe lle prestan a este lugar, aparte das reminiscencias históricas, a posibilidade de crear un deseño labiríntico, con subespacios como os dos giardini segreti renacentistas, nese concepto que hoxe se chamaría xardín activo porque incita á exploración, ao descubrimento e ao xogo a través de elementos lamentablemente esquecidos pola xardinería moderna: o misterio e a sorpresa. Todos estes encantos aínda sen explotar en Belvís, cabe advertilos en semente, pese a estar xa considerablemente comprometidos polo aparcadoiro que chantaron no medio, servidumes do concepto utilitarista de urbanismo, que finalmente desvirtúa os espacios sen acadar esa pretendida utilidade.

Belvís é nembargantes obxecto dunha interesante experiencia de finalidade social: Unha pequena superficie do parque foi recuperada para a súa función orixinal de horta e dividida en 29 parcelas que se asignaron a través de sorteo a composteláns, prioritariamente maiores e residentes na contorna, que se benefician da súa explotación e asumen o compromiso do seu coidado. Os veciños participan activamente deste xeito da conservación dun espacio verde na cidade, ao tempo que se lles procura unha actividade satisfactoria e productiva. É un novo modelo de xardiñería sustentable e de contido social, da que ademais podemos disfrutar todos: Visitar a horta piloto, dentro dun pequeno espacio amurallado, cos seus primorosos xardíns de aromáticas e de hortalizas, é un pracer moi recomendable nomeadamente cando se busca o frescor nun día de canícula urbana. Unha iniciativa que xa demostrou ter unha inmellorable acollida (29 persoas mais foron admitida en lista de agarda e moitas outras fixeron a súa solicitude) e que ben podería extenderse a outros espacios e vilas.

servido por ortigueira sin comentarios compártelo favorito

25 Junio 2008

CAMPAÑA POLA RECUPERACIÓN DO FESTIVAL DE ORTIGUEIRA

Non é cousa nosa. Os promotores da campaña, amigos da música tradicional, preséntanse baixo o nome de Malquemer, son vigueses e os coñecemos a través de chuza. Pero o certo é que identificámonos coa súa percepción do festival. Do que foi e do que deixou de ser de uns anos para aquí. Nós opinamos que a deriva tomada polo o festival foi planeada premeditadamente. Fai oito anos se menosprezou un evento cultural con identidade propia porque o seu xénero musical tiña o estigma de minoritario. O festival orixinal non convocaba as multitudes polas que o novo promotor, o recentemente estreado goberno do ex alcalde Campo, querían concitar atención mediática. Así invadiron o piñeiral as carpas dance e se emprendeu unha campaña para modificar a imaxe do evento eliminando os seus aspectos particulares e adoptando iso que se chama “estilo fusión”, mestizaxe, ou como queira chamarse, co obxectivo de ampliar o espectro de visitantes. Aqueles aspectos que orixinalmente lle conferían identidade quedaron reducidos a anécdota (faldas escocesas na publicidade de Estrella de Galicia, unha moderada presenza de gaitas no deslucido desfile...). Quedámonos co hippismo de atrezzo; a cambio, o Festival de Ortigueira perdeu o Celta (quizais as reminiscencias galeguistas do termo feriron algunha susceptibilidade). Acadouse o obxectivo, sen reservas: A ofensiva publicitaria, que custaba mais que o propio festival, convocou aqueles dous primeiros anos unha verdadeira marea de xente que aventaba un memorable “botellonazo”. A publicidade de Estrella, reinando sempre a súa imaxe corporativa sobre a do evento patrocinado, non podía ser mais elocuente: elenco de tribos urbanas unidas polo elemento común dun vaso de cervexa. O resultado nolo retrata Malquemer: “...atraídos por ser gratis e por poder pasar un fin de semana de drogas, alcol e música dance, xentes que non se achegan a Ortigueira a ver nin un só concerto, enchen a zona de acampada...E non só é iso: agora o sábado do festival, ata se achegan rapaces saídos da ruta do bacalao, que nin sequera están acampados”.

O expresivo cartelón da ponte do FEVE ( Ortigueira para ti) ofertaba o pobo e o seu festival aos visitantes estivais: Como en tantos lugares, o turismo converteuse no obxectivo da organización, e o único beneficio que nos cabería esperar aos residentes. Deixou así de ser un festival para os cidadáns de Ortigueira que non temos un bar, igual que o Xacobeo non é para os santiagueses que non teñen un chiringuito de souvenirs. Pero ao tempo que se achegaba xente allea ao festival, á música non electrónica, e a Ortigueira mesmo, se afastaban os incondicionais do mais reputado acontecemento de folk en Galicia. O número de visitantes descendeu progresivamente nos últimos anos. E gracias, porque evidentemente aquelas multitudes non estaban calculadas para as perfectas dimensións da nosa vila, que obrigada a embutilas, acababa sempre coas consabidas flatulencias (con perdón). O feito é que o factor cuantitativo xa non pode xustificar ( si é que algunha vez o fixo) a perda de calidade derivada da indefinición e desa falta de caracter que Malquemer denomina “a maxia” e que caracterizaba antaño esta celebración do folk. A liña emprendida estes anos atrás vense pois de revelar como un fracaso a todos os niveis. Nós apostamos como estes amigos vigueses afeccionados ao folk por unha volta ao espírito orixinal desta festa, por unha concepción mais modesta si cabe da convocatoria ( a efectos de número) pero con calidade e singularidade, que o distinga de tantos outros botellóns estivais,que renuncie á masificación e potencie o goce respectuoso dun entorno privilexiado pero fráxil, que cada ano sufre unha nova e brutal agresión promovida pola mesma administración que se encarga do seu coidado.

INVITAMOS A TODOS A PARTICIPAR NA CAMPAÑA PROMOVIDA POR MALQUEMER DENDE A SÚA PÁXINA.

servido por ortigueira sin comentarios compártelo favorito

20 Junio 2008

SOBRE O RECURSO DA ALCALDÍA CONTRA A SANCIÓN DE PATRIMONIO

O Concello de Ortigueira anuncia a presentación de recurso ante a Consellería de Cultura e Deporte contra la resolución da Dirección Xeral de Patrimonio pola que se lle impuxo unha sanción de 24.000 euros. Segundo a nota e prensa emitida pola alcaldía, os argumentos que se van a presentar para apoiar dito recurso son exactamente os mesmos que se utilizaron nas alegacións que no seu momento tiveron oportunidade de opoñer á Dirección Xeral de Patrimonio cando se lle incoou expediente, e que dita institución rexeitou un por un.

O Concello insiste novamente en defender a licenza apoiándose en que o solar afectado aparece grafiado no Planeamento de Ortigueira como solo urbano de núcleo lineal e que por ese motivo non está afectado polo artigo 291 das Normas Subsidiarias municipais así como por delimitar ditas Normas á zona de protección do castro. Patrimonio desestimou xa estes argumentos posto que no contorno dun ben inventariado, independentemente da clasificación do solar como de núcleo rural ou urbano é de aplicación a normativa histórico artística recollida nas Normas Subsidiarias e a LPCG (Lei do Patrimonio Cultural de Galicia).

Considerando que a alcaldía non ten novos argumentos que xustifiquen o recurso, a manobra defensiva do Concello delata que a súa intención consiste exclusivamente en dilatar o proceso para eludir as súas responsabilidades. Ponse en evidencia o seu desinterese polo feito de haber producido coa súa actuación un dano considerado pola Dirección Xeral de Patrimonio como moi grave sobre un ben cultural que nin sequera se molesta considerar. Algúns cidadáns, entre os que nos atopamos, estaríamos moito mais satisfeitos se na próxima nota de prensa que sobre este asunto emitise o Concello figurasen as medidas que se pensan adoptar para restituír os prexuízos causados ao noso Patrimonio.

servido por ortigueira 8 comentarios compártelo favorito

18 Junio 2008

EL PAÍS: "PATRIMONIO OBLIGA A DEMOLER 67 VIVIENDAS DEL HERMANO DEL EX ALCALDE DE ORTIGUEIRA"

El País de onte interpreta que a obriga de restituír a legalidade urbanística imposta ao Concello por Patrimonio por haber dado licencia para construír ao pé do castro Campo da Torre sen a súa preceptiva autorización, consiste en demoler o construído. No artigo publicado neste xornal se pon de releve as conclusións do informe técnico de Patrimonio sobre a gravidade dos danos producidos ao xacemento arqueolóxico afectado polas obras e se destaca o feito de que o promotor beneficiado pola controvertida licencia fose o irmán do ex alcalde do que lembra é considerado a “persona más influyente en su hermano Antonio durante la época en que fué alcalde”.

Artigo completo en El País

servido por ortigueira 3 comentarios compártelo favorito

17 Junio 2008

PSOE, BNG E ORTIGUEIRA SOSTIBLE DENUNCIAN CONXUNTAMENTE AS IRREGULARIDADES URBANÍSTICAS DO CAMPO DA TORRE

COMUNICADO REMITIDO AOS XORNAIS EN NOTA DE PRENSA POLOS GRUPOS MUNICIPAIS PSOE, BNG E A PLATAFORMA ORTIGUEIRA SOSTIBLE

O Campo da Torre é un elemento emblemático que confire caracter singular á paisaxe de Ortigueira e forma parte dela como constante na súa dilatada historia. O seu interese arqueolóxico se recoñece no catálogo de bens patrimoniais do planeamento de Ortigueira, do que deriva a súa protección pola Lei do Patrimonio de Galicia. O anterior alcalde tentou o seu recoñecemento como Ben de Interese Cultural (BIC) coa finalidade exclusiva de xustificar a súa expropiación en favor da fundación Ortegalia que entón tamén presidía. Consumada a expropiación e a ocupación urxente do lugar, o Concello e a Fundación encargada da súa custodia amosaron o maior desleixo pola súa protección, realizando intervencións incompatibles coa conservación do espacio e reducindo a mera formalidade o estudio arqueolóxico obrigado para facelas. Pero a mais grave evidencia deste desinterese polo valor histórico do Campo da Torre e dos espurios motivos que houbo detrás da súa expropiación, foi a concesión no ano 2006 dunha licenza para a construcción de 67 vivendas na zona inmediata aos restos do castro para a empresa de promocións inmobiliarias administrada, entre outros, por un irmán do agora ex alcalde. A devandita licenza incumpre a normativa urbanística de Ortigueira por atoparse na zona de protección do castro, o que obriga en aplicación da Lei do Patrimonio de Galicia a solicitar un informe á Dirección Xeral de Patrimonio. Pero ademais vulnera gravemente o artigo 291 da normativa municipal,que prohibe expresamente calquera tipo de construcción no contorno de 100 metros arredor dunha zona arqueolóxica catalogada .

Estas infraccións foron postas en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio e da Dirección Xeral de Urbanismo en xuño do 2007 por ADEGA e o colectivo Ortigueira Sostible. En maio do 2008 a Dirección Xeral de Patrimonio resolveu o expediente sancionador incoado uns meses antes, impoñendo ao Concello unha sanción de 24.000 euros e a restitución da legalidade urbanística. Pola súa banda a Dirección Xeral de Urbanismo, superando os prazos previstos pola lei, non se ten pronunciado sobre este asunto.

Os grupos municipais, PSOE e BNG, conxuntamente con Ortigueira Sostible manifestamos o noso rexeitamento cara a estas actuacións irrespectuosas coas leis tanto como co Patrimonio e que teñen producido neste, danos estimados pola DX como moi graves, irreversibles e irrecuperables. Así mesmo esiximos a Urbanismo a revisión da licenza que ampara as devanditas transgresións da normativa municipal e a adopción das medidas necesarias para que sexa restituída a legalidade urbanística. Por último, consideramos que é obriga do goberno municipal determinar as responsabilidades en que teñen incorrido os técnicos que informaron favorablemente a licenza obxecto de sanción económica por parte da Administración, que de ningún xeito debe recaer sobre os contribuíntes.

servido por ortigueira sin comentarios compártelo favorito

14 Junio 2008

VERDEGAIA DENUNCIA AS OBRAS DO PASEO FLUVIAL DO RIO SOR

A obsesión dos municipios por atraer visitantes de calquera tipo estase a converter nunha ameaza certa para os espazos con valor ambiental. As corporacións municipais entenden que a única vantaxe de posuír no seu concello un lugar de interese natural é a posibilidade de explotalo cara a promoción turística, pero ademais conciben esta dun xeito masificado que acaba resultado devastador para estes espazos. O río Sor sempre foi apreciado como ruta para os sendeiristas e dende fai moito tempo conta con refuxios que acollen tanto aos excursionistas como aos pescadores. Pero isto non parece ser suficiente para o Concello, que decidiu que o fomento desta ruta incluía a apertura de amplas pistas a pé do río pavimentadas con grava, convertendo o sendeiro en estrada pola que, de querer, poderían circular vehículos de motor, e que ten ocasionado as serias alteracións sobre os ecosistemas fluviais que denuncia a asociación ecoloxista Verdegaia. E así, a promoción dunha actividade destinada ao goce da natureza convírtese no xeito de agredila, e o obxecto de promoción, en lugar de valorizarse, se degrada. Paragóxicamente, aínda que no é o que mais nos importa a nós, devaluar a integridade deste espazo natural significa perder o único atractivo que pode ter para o visitante e compromete a continuidade do turismo que tentan promover.

Nota da denuncia na páxina de Verdegaia

servido por ortigueira 1 comentario compártelo favorito

9 Junio 2008

PARA OUTRA XESTIÓN FORESTAL NON ABONDA COAS UXFOR

Non se trata so de recuperar a paisaxe, aínda que a paisaxe é o dereito que ten por obxectivo recoñecer unha futura Lei galega, acreditamos que de xeito soamente testimonial .Galicia necesita unha reordenación forestal mais sustentable, que pase pola recuperación da biodiversidade fronte ás plantacións masivas de eucaliptos. A prevención dos incendios forestais está condicionada á recuperación da función protectora do monte que ofrece un ecosistema forestal san e diversificado. Actualmente os nosos montes non fixan CO2, como se pretende co obxectivo de reclamar vantaxes fiscais; pola contra, coa súa potencial inflamabilidade e co quentamento global como coadxuvante, en dez anos serán o maior foco emisor de carbono: Segundo datos da Xunta actualmente queimase unha superficie media de 67.000 ha por ano, emitindo unhas 8.576.000 tm de dióxico de carbono, moi pouco menos que a central térmica de As Pontes (consultar datos de Ramón Varela Díaz: ponencia en ADEGA o pasado 5 de xuño). Pero ademais o monte galego atópase economicamente infrautilizado, restrinxido ata agora aos intereses das transnacionais da celulosa e afogado polo monocultivo intensivo e devastador. A xestión atomizada do monte galego que impón a propiedade minifundista é un elemento mais que encarece, dificulta e fai pouco rendible a súa explotación, o que constitúe causa de abandono, elemento engadido que favorece de novo os incendios forestais.

A Consellería de Medio Rural recoñece que a prevención dos lumes pasa necesariamente por unha rexeneración da superficie forestal que traduce en incentivos económicos á plantación de frondosas, pero sabe que primeiramente é necesario un cambio que supere o sistema de explotación en pequenas parcelas. Con esta finalidade ten desenvolvido o programa de UXfor (Unidades de Xestión Forestal) para promover a constitución de comunidades de propietarios forestais que xestionen unha superficie mínima de 15 hectáreas. A explotación comunitaria abarata custes, simplifica a xestión, permite a aplicación de técnicas silvícolas e de prevención e o acceso a subvencións que lle serían denegadas aos pequenos predios, sen perder con iso os dereitos de propiedade. A Consellería estima unha alta rendibilidade: Uns 6.000 euros por ano e hectárea, dos que, ademais, o propietario poderá dispoñer por adiantado antes de cortar a madeira, pagados por entidades coas que cada UXfor establecería convenios de financiamento. A industria forestal, defensora da medida cre que se podería duplicar a producción anual de madeira poñendo a producir eficazmente grandes superficies forestais que se atopan infrautilizadas e calcula que é posible xerar uns 12.000 empregos en zonas rurais.

O novo modelo de xestión podería significar unha transformación de alcance sociolóxico e un avance notable no sistema de explotación forestal, que non cabe dúbida repercutirá nunha maior rendibilidade no sector, e nunha maior eficacia no control dos lumes. Pero sería lamentable que esta optimización fose posta ao servizo dos intereses das pasteiras e afondase no actual modelo productivista que está a ocasionar tanto dano ecolóxico. Nada impide actualmente que isto vaia a se así , pola contra é previsible que aconteza. Tamén a política autonómica que está a promover irreflexivamente o camiño sen retorno da consolidación da celulosa ENCE no noso país reforza esta situación que non se pode compensar con voluntarismo sobre o papel (ou sobre a páxina web da Consellería de Medio Rural), por moita árbore autóctona subvencionada que se plante. É necesario confiar na riqueza que pode xerar unha xestión do monte multifuncional e diversficada, que concilie a actividade económica co equilibrio ecolóxico e cos espacios humanos. Iso é o que define unha paisaxe harmónica. A paisaxe galega non vai vir determinada polas poucas e febles medidas de protección que dispoña unha Lei de Protección da Paisaxe: Galicia poderá escoller a via da ordenación racional e rigorosa do territorio, favorecer unha actividade silvícola sustentable e ás moitas empresas que poden prosperar ao seu redor ( aserradeiros, industrias do moble, da castaña ou do cogumelo). Ou pola contra apostará de novo pola explotación que está a empobrecer o entorno natural, a degradar, calcificar e desertificar o solo, que é incompatible con outros usos e que escorrenta a vida no rural.

servido por ortigueira 2 comentarios compártelo favorito

5 Junio 2008

O DOMINGO TOD@S A FERROL

Rede Galiza Non Se Vende mobilizarase este domingo para amosar o seu apoio á manifestación convocada polo Comité Cidadán de Emergencia dda Ría de Ferrol e outros colectivos para denunciar unha vez mais a ameaza que constitúe a planta de gas de REGANOSA no interior da ría para as miles de persoas que viven nela e o incumprimento da legislación que supón o seu funcionamento.

O Comité denuncia tamén os novos proxectos que engaden mayores ameazas sobre a integridade da ría e a seguridade dos cidadáns:

- Voadura da canle de entrada a ría.

- Ampliación da capacidade de regasificación.

- Transporte de GNL en camión cisterna.

NUNCA É TARDE PARA DEFENDERNOS, NUNCA É TARDE PARA EVITAR UNHA TRAXEDIA

MOBILICÉMONOS!

MANIFESTACION DOMINGO 8 DE XUÑO EN FERROL

12:00 NO PORTO DE CURUXEIRAS

PLANTA DE GAS FORA DA RÍA!

Comunicado de Rede Galiza Non Se Vende

servido por ortigueira sin comentarios compártelo favorito


Sobre mí

Avatar de ortigueira

ORTIGUEIRA SOSTIBLE

ver perfil »
contacto »
Apoiamos a Isaac Díaz Pardo Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego

Buscar

suscríbete

Selecciona el agregador que utilices para suscribirte a este blog (también puedes obtener la URL de los feeds):

¿Qué es esto?

Crea tu blog gratis en La Coctelera